Asociación A Bella Otero de Valga


uxia_valgaO Segredo de Uxía
Sinopse: O Segredo de Uxía ten como obxectivo concienciar e sacar a luz os malos tratos e abusos que sofren moitas nenas e nenos na infancia por parte dos seus proxenitores, para deste xeito aprender dos erros e que nunca máis volvan ocorrer.
A obra narra a historia de Uxía, unha nena de 12 anos de idade, a que a vida non lle ofreceu un sendeiro doado de percorrer. Digamos que non foi responsable dos seus actos, pero si que foi participe, aínda non querendo selo, xa que o seu pai decidiu ofrecerlle un camiño convulso cheo de abusos, penuria, vergoña e mentiras.
Os momentos que tivo que pasar durante a súa infancia foron demasiado duros e intensos para unha nena da súa idade. Chegou incluso, algunha que outra vez, a tomar a terrible decisión de poñer fin a súa vida… a esa vida que as veces non é tan marabillosa, quizás por que outras persoas deciden por nós que non o sexa.
Sufriu todo aquilo que ninguén espera que lle ocorra, pero desgraciadamente ocorre, e máis do que pensamos, e moitas veces provocado por quen menos esperamos.

Contidos a desenvolver durante o obradoiro: o tabú do incesto, os malos tratos e abusos a menores e as súas consecuencias, pautas para a intervención.

 


pensamentos_flor_valgaPensamentos de Flor
Sinopse:  A obra é un drama realista que nos fai reflexionar e ofrécenos a posibilidade de tomar conciencia sobre un tema moi actual na nosa sociedade axudándonos a entender as inquedanzas de moitas persoas maiores que se atopan na situación de abandono.
A protagonista da historia, Flor, é unha viúva que ten dúas fillas e un fillo. Flor presenta indicios de ter unha enfermidade dexenerativa, este feito fai que a filla maior, Hortensia, que rexenta unha taberna que lle absorbe todo o seu tempo, lle resulte moi complicado facerse cargo do coidado, polo que se ve na obriga de pedir a colaboración da súa familia. O fillo, Xacinto, é un falcatrúa que non é quen de valerse por si mesmo. E a filla máis nova, Margarida, so pensa no seu interese.
Durante o transcurso da obra apareceran as miserias, reproches, escusas… co obxecto de non coidar a nai.

Contidos a desenvolver durante o obradoiro: o coidado e  as consecuencias do abandono das persoas maiores.